09/10/17

Novo curso, novos proxectos na Biblioteca! Benvidas/os!

Comezamos un novo ano ateigado de proxectos para compartimos entre todas e todos. Reformas nas instalacións, presentacións, charlas, lecturas, e moitos, moitos libros novos!

Desde esta semana podedes xa vir á Biblioteca en todos os primeiros e segundos recreos, tanto para estudar, facer traballos, ler tranquilamente, ou coller os libros que queirades para levar a casa durante dúas semaniñas. Así que para este 2017/18... queda inaugurada a Bibliotrega!

Como ides poder comprobar, este verán traballamos arreo para deixarvos unha biblioteca renovada, moito máis funcional, e moito máis bonita! Desde as portas por dentro e por fóra, os novos computadores coas súas novas ubicacións; os novos andeis...  veña, arreando todas e todos a coñecela! E todo non remata aquí, pois durante este curso o alumnado de Deseño e de Debuxo Artístico irá progresivamente achegando novos elementos para decorar este espazo común. 


Outra das novidades deste ano ten que ver cun proxecto que, se lembrades, xa comezamos o curso pasado. Lembrades a votación das revistas? Pois xa temos tres delas ao noso dispor para ler devagar e consultar na Bibliotrega comodamente sentado nas nosas butacas!

Ademais das novidades que temos no noso centro, non podemos despedir esta presentación inicial de curso sen parabenizar o escritor galego Antonio García Teijeiro polo seu recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, obtido grazas a Poemar o mar, ilustrado por Xan López Domínguez. As galegas e galegos somos unha potencia en literatura xuvenil, pois este galardón xa o gañaron anteriormente tamén Paco Martín, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo, Ledicia Costas e Agustín Fernández Paz. En breve teremos as súas obras ao noso dispor na biblioteca!

Tamén non podemos esquecernos de parabenizar a Kazuo Ishiguro, escritor nacido en Nagasaki pero británico de adopción, polo Nobel de literatura. Unha delicia que teremos o pracer de degustar na nosa biblioteca nas súas traducións ao galego e ao castelán... nas próximas semanas!

Até aquí por hoxe, benvidas e benvidos a todas e todos á Bibliotrega neste curso 2017/18! :D


Ningún comentario:

Publicar un comentario