23/01/17

Presentación de Crónica Córnica, de Francisco Coimbra, este mércores na Sangriña

O próximo mércores 25 de xaneiro terá lugar no Salón de Actos do IES A Sangriña a presentación de Crónica Córnica, de Francisco Coimbra. A actividade desenvolverase entre as 12:20 e as 14:00 e será de carácter obrigatorio para todo o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.

Ademais de presentar a obra, o autor, investigador da Universidade do Paraná (Brasil), dará a coñecer entre o noso alumnado a situación dos estudos galegos no Brasil e na súa universidade, así como as causas do interese que pola nosa lingua hai alén mar. 











Francisco Coimbra (Madrid, 1986), galego por adopción, pasou varias tempadas en Santiago de Compostela e Ourense durante os anos en que estudou Filoloxía Románica. Máis tarde trasladouse ao Brasil, onde actualmente traballa como profesor no Departamento de Linguas Estranxeiras Modernas da Universidade Federal do Paraná, na cidade de Curitiba. Publicou artigos nos eidos da lingüística, a tradución e os Estudos Culturais en revistas especializadas do Brasil, a Arxentina, México, España e Colombia. Así como varios poemas e un conto na Revista de Estudos Galegos da UCM “Madrygal”. Estréase agora na narrativa con “Crónica Córnica”, finalista do Premio Xerais 2016.

Sinopse da obra:

Inexplicabelmente o condado de Cornualle, na illa de Gran Bretaña, esperta unha fría mañá de xoves ou de venres falando unha lingua extinta: o córnico. A partir dese feito, desenvólvese unha trama atractiva, escrita cun estilo poderoso, que supón unha profunda reflexión sobre a identidade e a represión lingüística, ambientada na Gran Bretaña de hoxe. “Crónica Córnica” é unha novela que sorprende e destila amor polas palabras e as linguas en cada páxina, abordando un tema tan crucial como escasamente tratado na literatura. A novela, de tintura saramaguiana, técese a través dun personaxe colectivo que se encarna en secretarias, profesoras, alcaldes, mariñeiros, carteiras, pallasos, libreiros e xardineiras: toda unha composición polifónica que adopta as formas do relatorio e da crónica onde, por veces, é máis importante o non dito, o diálogo imaxinario, do que a voz directamente expresada. Unha novela contemporánea, que pode ser lida en moitas claves, que pivota sobre a tríade lingua, identidade e sociedade, e foi enunciada non desde o discurso científico, senón desde a fabulación murmurada de boca a orella. Un intenso e metafórico berro literario a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades económicas, culturais e sociais entre colectivos e pobos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario