04/12/17

Troco libro... Trocas?


Desde a Biblioteca e o Equipo de Normalización lingüística botamos a andar un mercado de troco de libros para este Nadal! :D

O alumnado e profesorado que queira participar deberá doar un libro que poderán entregar na Biblioteca durante os recreos ou directamente a  Denis Vicente,  María Carneiro e Isabel Rodríguez.

Por cada libro que doedes (até un máximo de dous exemplares por persoa) recibiredes unha tarxeta que poderá ser cambiada por outro libro que elixades os días de celebración do mercado (20 e 21 de decembro).

Nestes días reuniremos todos os exemplares recollidos no vestíbulo do centro. Haberá unha mesa para o troco entre os libros doados polo alumnado e outra cos libros recollidos entre o profesorado e persoal non docente. 

Os alumnos e alumnas que este ano son Axudantes de biblioteca empaquetarán os vosos libros e convertiranse nun agasallo perfecto para o Nadal.

Suxerimos tamén que na páxina inicial deixedes un pequeno comentario da importancia que ese libro tivo para vós ou unha dedicatoria para o seu novo e descoñecido destinatario/a . Podedes asinalo ou non, iso ao voso gusto!

A data de entrega tope para a recollida dos libros será o día 15 de decembro.




20/11/17

16 de novembro, Día da Filosofía!

O pasado 16 de novembro foi o Día da Filosofía. Na nosa Bibliotrega queremos aproveitar esta data para reivindicar o papel da filosofía na sociedade actual. A necesidade da reflexión, do pensamento crítico, dun ensino humanizado e humanizador. Que forma de ensino máis precisa pode haber que a que nos axuda a comprender o mundo e actuar en consecuencia!

Así, para celebrar este día, sacamos dos andeis algunhas das obras de referencia, e pasamos a situalas en destacados. Ademais, puxemos diverso material visual pola biblioteca para que as obras filosófica fosen moito máis visibles. Ademais, ao longo deste ano adquiriranse novas obras, para actualizar o noso fondo e que o alumnado poidades coller todas cantas obras queirades! Iso si, acéptanse todas as suxestións que vos interesen especialmente!





13/11/17

Obradoiros de formación e novidades editoriais!

Esta semana vén cargadiña de novidades!

Mañá no segundo recreo terá lugar a xornada de formación cos novos axudantes da Bibliotrega, que finalmente serán rapaces e rapazas de 1º, 2º e 4º da ESO.

Ademais, teremos tamén un obradoiro sobre uso da biblioteca co alumnado de primeiro, para que aprendan a usar a nosa biblioteca e poidan sacarlle todo o partido durante a súa etapa educativa.

Finalmente, chegaron xa unha chea de novidades! Podedes vir velas e levalas para ler desde xa, pois están á vosa disposición no andel de novidades. Veña, que voan!



06/11/17

Fotos do Samaín

A semana pasada tivo lugar no noso instituto a lectura de contos de medo elaborados polo alumnado de 1º e 2º da ESO, con motivo da celebración do Samaín.

Aquí van unhas fotiños para que poidades ver como de ben o pasamos!







30/10/17

Actividades polo Samaín na Bibliotrega!

O Samaín é unha festa celebrada xa polos celtas para conmemoraren o fin da colleita e o comezo dunha tempada escura, a do inverno. Esta tradición perdeuse ao longo da historia, e foise recuperando aos poucos nas últimas décadas. Especialmente importante foi e continua sendo o papel do ensino para pór en valor estas tradicións milenarias.

Así, no IES A Sangriña tamén celebraremos o noso Samaín particular, a través da lectura de textos de terror elaborados polo alumnado de 1º e 2º da ESO. A actividade terá lugar durante o martes 31 e será acompañado por profesorado de lingua galega; lingua portuguesa e lingua castelá. Ademais, a nosa Bibliotrega estará completamente ambientada, con teas de arañas, candeas e moito máis!




16/10/17

Queres ser axudante de biblioteca? Anímate!

Primeira novidade para este curso! Chega á Sangriña a figura dos axudantes de biblioteca. Apetéceche colaborar connosco un recreo por semana? Se es estudante da ESO, podes facelo desde xa! 

Para proporte como voluntario/a só tes que falar con María José Carneiro Freire ou con Isabel Rodríguez Pazos, profesoras de Grego e Lingua Castelá. Elas daranvos todas as indicacións dos papeis que debedes preencher.

Todas e todos os que participedes como voluntarios/as, recibiredes un recoñecemento da Xunta en forma de Diploma a final de curso. Non o dubides! :D



Tarefas dos axudantes da Bibliotrega do Miño

1. Informar aos usuarios sobre: os servizos e as normas da biblioteca, a consulta do catálogo na rede, a distribución e ubicación dos fondos.

2. Axudar na busca de recursos en calquera soporte, orientándoos tanto na lectura de lecer coma na busca de información.

3. Recomendar lecturas aos compañeiros.

4. Informar ao profesorado do equipo da biblioteca (ou a quen estea de garda nese momento) sobre o mal uso dos materiais (incluíndo os ordenadores: conexión a redes sociais e páxinas web inapropiadas)

5. Divulgar entre os usuarios as posibilidades de solicitud de materiais no buzón das suxestións e a través da dirección de correo bibliotrega@gmail.com

6. Propoñer novas adquisicións e/ou actividades.

7. Colaborar na organización das actividades.

8. Colaborar nas actividades de xestión como: colocar os libros nos estantes, comprobar a orde dos mesmos, colocar tejuelos, achegar os documentos a unha nova localización.


09/10/17

Novo curso, novos proxectos na Biblioteca! Benvidas/os!

Comezamos un novo ano ateigado de proxectos para compartimos entre todas e todos. Reformas nas instalacións, presentacións, charlas, lecturas, e moitos, moitos libros novos!

Desde esta semana podedes xa vir á Biblioteca en todos os primeiros e segundos recreos, tanto para estudar, facer traballos, ler tranquilamente, ou coller os libros que queirades para levar a casa durante dúas semaniñas. Así que para este 2017/18... queda inaugurada a Bibliotrega!

Como ides poder comprobar, este verán traballamos arreo para deixarvos unha biblioteca renovada, moito máis funcional, e moito máis bonita! Desde as portas por dentro e por fóra, os novos computadores coas súas novas ubicacións; os novos andeis...  veña, arreando todas e todos a coñecela! E todo non remata aquí, pois durante este curso o alumnado de Deseño e de Debuxo Artístico irá progresivamente achegando novos elementos para decorar este espazo común. 


Outra das novidades deste ano ten que ver cun proxecto que, se lembrades, xa comezamos o curso pasado. Lembrades a votación das revistas? Pois xa temos tres delas ao noso dispor para ler devagar e consultar na Bibliotrega comodamente sentado nas nosas butacas!

Ademais das novidades que temos no noso centro, non podemos despedir esta presentación inicial de curso sen parabenizar o escritor galego Antonio García Teijeiro polo seu recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, obtido grazas a Poemar o mar, ilustrado por Xan López Domínguez. As galegas e galegos somos unha potencia en literatura xuvenil, pois este galardón xa o gañaron anteriormente tamén Paco Martín, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo, Ledicia Costas e Agustín Fernández Paz. En breve teremos as súas obras ao noso dispor na biblioteca!

Tamén non podemos esquecernos de parabenizar a Kazuo Ishiguro, escritor nacido en Nagasaki pero británico de adopción, polo Nobel de literatura. Unha delicia que teremos o pracer de degustar na nosa biblioteca nas súas traducións ao galego e ao castelán... nas próximas semanas!

Até aquí por hoxe, benvidas e benvidos a todas e todos á Bibliotrega neste curso 2017/18! :D


19/06/17

Prezi dos Contos no mundo!

E nesta semana final de curso, traemos este marabilloso Prezi dos Contos no mundo elaborado pola profesora de Matemáticas Nieves Lomba.

Desfrutade con esta presentación de todos os países que fomos visitando ao longo do ano, desde o Brasil a Portugal pasando por Suecia, México ou Australia!

http://prezi.com/r-zzzycjoufo/?utm_campaign=share&utm_medium=copy&rc=ex0share


24/04/17

E logo chegamos ao terceiro trimestre

E logo chegamos ao terceiro trimestre. Parece que foi onte cando comezamos, e xa logo acabamos o curso! E neste terceiro trimestre continuaremos traballando desde a Biblioteca con moitas máis actividades: de novo os Contos do mundo en colaboración co CEIP A Sangriña. Tamén temos por diante o mes das Letras Galegas, con varias actividades arredor da figura de Carlos Casares, pero tamén de Agustín Fernández Paz, ao que queremos honrar pola súa grande contribución á nosa literatura. Xa vos iremos informando de todas as actividades!

E non esquezades, vémonos tamén no Instagram, podedes agregarnos na conta Bibliotrega!

Estas últimas semanas continuamos cos Contos do mundo, e liscamos esta vez a Suecia, da man de Rafael Adalid e os rapaces e rapazas de 4º de primaria. Tedes toda a información da actividade no blogue do CEIP: http://bibliopepinho.blogspot.com.es/2017/04/contos-do-mundo-suecia.html

E en breve... moito máis, non deixedes de vir buscar libros á biblioteca, eles precisan saír, e vós sacalos a pasear! ;)


27/03/17

Relatea, concurso de contos!

O centro San Xerome, en colaboración coa biblioteca do noso instituto, está a levar a cabo o concurso literario Relatea.
O alumnado que quixer participar, pode ir deixando os seus contos, escritos en galego ou castelán, nunha caixa de correo habilitada para tal fin na entrada da biblioteca. O xurado de San Xerome, composto por usuarias e usuarios deste centro, revisa cada mércores todos estes relatos e vai seleccionando os mellores. Ao final de curso coñeceremos o nome das persoas ganadoras, que ademais serán premiadas! Así que animádevos a participar, que desta volta hai agasallos!